O certo é que o ignoramos todo sobre a morte.

Andamos coas chaves, abrindo portas e cancelas,

Vestíbulos, ventás, accesos e entradas,

Cun feixe de impresións sobre o metal

Con formas estendidas,

Con gumes de coitelos ou de sabres,

As chaves que nos levan e nos traen,

De aquí para aí,

De alí para acá.

E non damos coa porta para entrarmos

No círculo das tebras.

 

Facemos moitas copias

E dámosllas a amigos e parentes.

Mandámoslles mensaxes, cartas, telegramas,

Pedímoslles que veñan e que abran

Coas chaves o misterio,

Que suban escaleiras,

Desatranquen as contras,

E brille o amañecer,

E a noite xa alborexe.

Mais nunca dan coa porta do segredo.

 

No fondo destes cuartos, faiados e gavetas,

Bauis e epistolarios,

Asoman fotos, manuscritos,

Xornais que corroeron as décadas,

Resumos de ultramar,

Garrafas con licores de outrora.

Mais nunca unha noticia do mar do esquecemento.

 

Así que parecemos

Ladróns e delincuentes

Portando unha ganzúa

Nas mans ensanguentadas.

iphoto-fotografia-surreal-erik-johansson-1-990x743

foto de Erik Johansson

Advertisements