Sombras por debaixo

Antes,

Cando os poetas empregábamos tinteiros

E a man esparexía no papel

Os signos da fatiga e da preguiza;

Cando os poemas eran cadros con indicios

De lágrimas,

De humidade,

E mesmo estaba permitido

Perdelos unha tarde de chuvia

Arrincados polo vento,

Arrastrados pola lama,

Ou despois recuperalos nunha zanxa,

Coas palabras a sangrar,

Co discurso esnaquizado e dolorido,

Era fermoso escribir calquera cousa

E deitala na tormenta

A agardar o seu destino,

Como un xogo de azar.

Mais agora,

Cando as máquinas xa deixan unha constancia de todo,

E adoramos a falacia de sermos donos do tempo,

E o mundo só acontece por detrás dunha pantalla,

Comezo a preguntar

Se non será preciso

Vivir,

Nacermos de novo,

Como o Ibis xigante,

Orixinario de Camboia,

Ou o Egotelo, de Nova Calidonia,

Ou todas esas aves raras, estrañas,

Especiais.

Se non será que a vida

É libre ou se reduce

A sombras por debaixo

Do brillo e do fulgor.

 

strigops_habroptilus_xlarge-644x362

Advertisements