Nebulosa

Quen diría que estas horas

Sixilosas, como as nubes

Que se alongan como cobras

A durmir sobre o horizonte,

Baixan grávidas de azar,

Sombras doces de fortuna,

Brillos albos e funestos.

 

Corren, brincan e apresuran

O seu paso na cidade;

Soben aos rueiros dos vilares,

Afúndense por barrios e casais,

Dispoñen o seu risco no perigo,

Acróbatas audacias,

Sen medo de caer,

E volven gorentar os viños cálidos

Á noite, cando mudas perseveran

Sumidas nun atranco de arrecifes escuros.

 

E nada lle acontece.

 

Outros falan dos sinais.

Dos debuxos que o destino

Vai trazando nas correntes

De fume e de poeira;

Das costuras, cicatrices,

Dos estigmas e vestixios

Que arrecenden no solpor

Cando o mar xa nos devolve

O vapor da vida enteira,

O bafexo da existencia.

Cando o medo é unha presión,

Unha brisa que te roza.

 

E é que iso lle acontece.

 

Ansia inútil, vaite embora.

 

Calma, chega. Non te atrases.

 

Carteiro, peta forte

Se es da parte do destino.

img_4414

 

Advertisements