Folla de reclamacións

I long to talk with some old lover's ghost,     
Who died before the god of love was born. 
John Donne

 

Os espectros dos amantes falecidos

Nos tempos anteriores a Amor chegar ao mundo

Sabían dos ingratos desaires de quen teima

En non corresponder afectos e desexos.

 

Aqueles que o tornaron divindade

E deron en honralo con flores e baladas,

Confiados no seu rol de mediador,

Mal tiñan a conciencia do estrago que resulta

Da falta de harmonías, de avinzas e convenios.

 

Que nada máis gozoso que o incendio que sucede

Ao tacto e o contacto das chamas da paixón,

Ao vínculo dos lumes,

Ao xuntar das labaradas.

 

Nin nada máis penoso, máis cruel e corrosivo

Que a lava nun encontro con neves e con xeo.

 

Este neno mal criado, Amor, por que se obstina

En guiarnos como cegos por praias sombrías,

E por corgos e cantís, por congostras, corredoiras,

Nós, vellos, xa proxecto

De cinza, de charrizo.

 

alphonse_legros_-_cupid_and_psyche_-_google_art_project

Advertisements