Máis nubes

As nubes que che marcan o camiño.

As nubes cara adentro que medran no interior.

Aquelas que desprenden poalla na noitiña

Ou forman veos de ausencia ou de distancia.

 

Retratas moitas tardes os seus mantos,

Entre o gris e o aborrallado,

O cinéreo e o soturno.

As súas longas vestiduras,

Os seus hábitos de freiras,

Os disfraces que recobren como capas

O baleiro e o silencio,

A túnica das tebras.

 

E volves para casa coas figuras,

Na cámara gardadas como exemplo

Do mundo como un filme, un espectáculo,

A danza que executan os vapores e os ventos,

O rito de salón que se presenta,

Diáfana liturxia,

Coas formas que acontecen.

 

Quen che dera como oficio

O de andar contando nubes.

Moito apuro polo inverno.

Mais, no estío, toda a lúa.

 

27122811020_a05e9268dd_k

da miña colección de nubes.

Advertisements

O espello

O certo é que nacín.

Non sei por que motivo.

Coñezo as consecuencias.

 

Roubáronme do olvido,

Alá polos confíns do mar do esquecemento,

Un barco e unha harpa,

Un corvo e unha estrela.

E entrei pola distancia

Na foz dun longo río,

Estampado de luz.

 

Nun principio eu traía unha ponte na cabeza,

Unha táboa que axuntaba dous incendios afastados,

E brillaba como o centro dun diamante.

E dixo o corazón:

Que alumen estas lámpadas por sempre.

 

Había un firmamento por enriba das augas

E as veigas tiñan flores e calor.

Nas árbores pousaba co voo dos estorniños

Un eco de infinito.

E eu viña sen proxecto na aventura.

 

E dixeron os pulmóns: que a música te inspire.

 

Eu debía ter os ollos moi abertos

E os oídos impregnados polo vento

Con substancias e sons que falaban da tarde,

E de todo o que escoitaba viñan ecos e fascinio.

 

E foi por ese tempo que amenceron as palabras.

 

Souben logo que o rumor, o murmurio das voces,

Era a sombra dun reflexo,

Unha luz que se xeraba entre as augas dos espellos

Que reflicten os espellos

Que reflicten os espellos.

 

mirror

fotograma de O Espello, de A. Tarkovsky

Brumario

Pérdese na noite o trazo do teu voo,

Aquel con que os helenos honraban a memoria,

Os signos dos arcanxos derrotados,

A froita derramada,

O son do manancial,

O fume das ofrendas nos túmulos da tarde.

 

Só perduran as palabras falecidas

O bronce enferruxado,

Pigmentos testemuño dos tempos e da historia.

 

O mapa de Saturno,

Os tristes atavíos,

A carga da existencia, a rémora de andar

Turrando da beleza no deserto.

Facturas, almanaques

No espello apodrecido coa luz que se filtraba

Nos templos que acendían o cólico da fé.

 

Sepulcros cunha chaga de fósforo e de xofre.

 

Se tout le reste est littérature

Quen nos vai valer nos sábados do inverno?

 

017

Regreso

Fumo agora aquel cigarro do ano oitenta e dous

Ás sete da mañá por Copenhague

Despois de abandonar un comboio desde Hamburgo,

Á espera de que abrisen a oficina de turismo.

 

Fúmoo e sei que inda perduran

Os teus ollos entre a néboa da memoria,

Os teus ollos de ceo claro de agosto,

Veronika.

A acender os meus Celtas sen filtro,

A escoitar o meu proxecto de chegar até Elsinor.

 

Verónika perdida nos camiños do Báltico.

 

Hai un vento na cancela

Que regresa desde antano.

Unha chave que ficou

A pender da fechadura.

Unhas táboas aí ciscadas,

Non pregunten para que.

A pegada dunha roda

Na lama seca doutro inverno.

Unhas silvas que creceron

Entre brotes de rosas.

E un espectro que me ocupa

A amplitude da mirada.

 

E xa pasaron as correntes apestadas.

E xa pasaron os regatos purulentos.

Xa pasou tamén a vida.

helsingborg

Sombras por debaixo

Antes,

Cando os poetas empregábamos tinteiros

E a man esparexía no papel

Os signos da fatiga e da preguiza;

Cando os poemas eran cadros con indicios

De lágrimas,

De humidade,

E mesmo estaba permitido

Perdelos unha tarde de chuvia

Arrincados polo vento,

Arrastrados pola lama,

Ou despois recuperalos nunha zanxa,

Coas palabras a sangrar,

Co discurso esnaquizado e dolorido,

Era fermoso escribir calquera cousa

E deitala na tormenta

A agardar o seu destino,

Como un xogo de azar.

Mais agora,

Cando as máquinas xa deixan unha constancia de todo,

E adoramos a falacia de sermos donos do tempo,

E o mundo só acontece por detrás dunha pantalla,

Comezo a preguntar

Se non será preciso

Vivir,

Nacermos de novo,

Como o Ibis xigante,

Orixinario de Camboia,

Ou o Egotelo, de Nova Calidonia,

Ou todas esas aves raras, estrañas,

Especiais.

Se non será que a vida

É libre ou se reduce

A sombras por debaixo

Do brillo e do fulgor.

 

strigops_habroptilus_xlarge-644x362

Redención

Hai pouco nunha feira vin un par de nabiñeiros,

Tamén chamados liñaceiros e parentes dos canarios.

Plumaxe de tons pardos. Peito e testa colorados.

Cando o vello preguntou polo afán con que os miraba

E anuncioume o que valían

(Vinte euros a parella)

Respondinlle que compralos,

Mesmo dentro da gaiola,

Cun saquiño de gran para a mantenza.

 

Pasei varias xornadas a gozar da marabilla.

O seu canto barulleiro de chirlos e píos

A ecoar dentro da casa.

 

Hoxe optei por camiñar.

 

Vou andando de vagar, entre as follas carcomidas,

A sentir como escintilan polo estómago burbullas

De fósforo e tristeza.

Hai fervenzas moi escuras que semellan labaradas,

Carballeiras case negras, estampadas de luz.

 

Abro a porta da gaiola.

 

a-limia-29-de-agosto-de-2009-017

Vertixe

“Hai días en que evito mirar para os espellos,

Deitar a ollada escura nos brillos do mundo

E ver pola distancia un baile de sonámbulos.

E fico a contemplar por baixo do sombreiro,

Nas quebras do cristal,

Nas chagas do vidro,

O sangue que pigmenta a letra dos meus psalmos,

A música do enigma.

Ninguén pode, durmido, miralos sen deixar

Na mente unha arandela,

Un círculo,

Unha ponte.

A corda que une o espectro

Destas sombras irisadas

Á porta que se abre

No alto dunha torre”.

Así falou o vello, aquel que se prodiga

No músculo dos signos,

No pálpito das cousas.

E fíxoo a calibrar a forma en que a distancia

Minguando a claridade

Se abate no solpor.

img_0823

O voo do realidade

A cousa é que ninguén

Nos dixo onde pousaba

O voo do realidade.

Canario, papagaio, beixa-flor,

Ovíparo e de boca

Alongada en bico, a revoar

Arteiro e solermiño,

Paxaro, devalou

Como a noite polas árbores

Ou o río nos salgueiros.

E veu de fondo gris pola distancia.

E dixo os seus disfraces pola néboa.

E foi no arroubamento,

No éxtase, no pasmo,

No gozo e no deleite,

No delirio,

Que tivo a súa certeza, na harmonía.

O voo da realidade, unha poeira

De espellos e reflexos,

Terra vouga, irisación.

Un ermo, un abandono,

Un estrago,

Un desperdicio.

Que dura reducido

A gas ou a vapor.

a-realidade-e-uma-ilusao

Nebulosa

Quen diría que estas horas

Sixilosas, como as nubes

Que se alongan como cobras

A durmir sobre o horizonte,

Baixan grávidas de azar,

Sombras doces de fortuna,

Brillos albos e funestos.

 

Corren, brincan e apresuran

O seu paso na cidade;

Soben aos rueiros dos vilares,

Afúndense por barrios e casais,

Dispoñen o seu risco no perigo,

Acróbatas audacias,

Sen medo de caer,

E volven gorentar os viños cálidos

Á noite, cando mudas perseveran

Sumidas nun atranco de arrecifes escuros.

 

E nada lle acontece.

 

Outros falan dos sinais.

Dos debuxos que o destino

Vai trazando nas correntes

De fume e de poeira;

Das costuras, cicatrices,

Dos estigmas e vestixios

Que arrecenden no solpor

Cando o mar xa nos devolve

O vapor da vida enteira,

O bafexo da existencia.

Cando o medo é unha presión,

Unha brisa que te roza.

 

E é que iso lle acontece.

 

Ansia inútil, vaite embora.

 

Calma, chega. Non te atrases.

 

Carteiro, peta forte

Se es da parte do destino.

img_4414