Panfleto

É nas tardes de decembro

Cando un sol desatinado procura ás apalpadas

O arrecendo dos maios esquecidos

Que imos nós, nun Renault emprestado,

Alá polos camiños da fronteira,

Alá polas aldeas que rodan monte abaixo

O mesmo que os pelouros,

As galiñas bravas.

 

Nós, os que chegamos por medio de rueiros

Aos casares dos máis vellos,

Aos ruíns minifundios

Do monte, alá no monte,

Para falarmos dos tempos en que a terra,

Como o pan e os peixes,

Será cousa de todos.

 

Que berramos a favor da Reforma Agraria

E da Concentración,

Cantamos con voz rouca

Axuntémonos todos,

Mestres, estudantes,

Labregos, obreiros,

Unha manchea de sementes,

As árbores do mundo novo.

 

Honrados como a néboa ou o solpor

Defendemos o Partido e a Revolta

Sen pedirmos recompensa

Porque a nosa esperanza,

Como as cerdeiras florecidas para sempre

Na beira dun camiño,

Pide un tempo novo

Que sempre desexamos,

Cando as rúas a mudaren de nome

Se chamen de verdade Castelao,

Antón Alonso Ríos, Luis Soto,

E non calquera cousa liberal

Ou autonómica.

 

Nós a cantarmos a Internacional e a Marsellesa,

A corrermos entre patos e cebolas

No fondo das maceiras,

Nós, de mozos e non tan mozos,

A amañarnos o país que nos roubaron,

Como furtaron o mar,

O aire,

A primavera.

 

Nas tardes de inverno,

Cando un sol convalecente

Asoma entre os fumes da cidade,

Nosoutros nos camiños da Fronteira

A falarmos do paraíso sobre a terra

Nas aldeas que son como pelouros ou galiñas bravas.

 

40321204_1-jpg

Advertisements