A rémora da historia

“In 1945, when the keepers cried kaput

Josef Stein, poet, came out of Dachau

Like half a resurrection, his other half

eighty pounds still in their invisible grave”.

John Ciardi

 

É sabido que, ao final das guerras, acontecen

Flores, luces e milagres,

Xente que regresa do sepulcro,

Ósos sepultados de novo na súa carne.

 

É o caso do poeta, liberado de prisión,

Que, alá polos confíns do ano trinta e nove,

Volve a casa no solpor,

Pousa a man sobre a cancela,

Camiña polo eido.

 

Vese un can que o rememora.

Andan pitas no palleiro.

E as apertas fraternais que preceden o caldo

Gorentan o sabor das verzas e o do unto.

 

Vai curar coa compaixón

Dos amigos e os veciños,

Unha dieta e moito tempo

Para compor de novo músculos e ideas.

 

Pasan meses e rexorde.

Le nos libros e publica

Algúns poucos poemas

Nunha revue française.

 

Vai ter tempo antes da morte

De ditar tres conclusións:

Que nada permanece.

Que o papel é sempre un agasallo.

Que nada nin ninguén pode conter

O cargamento e o gravame,

A rémora da historia.

 

image

Advertisements