Un confinamento

Isto comezou sendo una tradución do poema “Mr. Bleaney” de Philip Larkin e medrou e esparexeuse até ser outra cousa. Máis unha vez un ego prisioneiro do arrebato da linguaxe. Para rematar cunha cita de Nietzsche. Un encontro de citas.

 

 

 

This was Mr Bleaney’s room. He stayed
The whole time he was at the Bodies, till
They moved him.’ Flowered curtains, thin and frayed,
Fall to within five inches of the sill,

Philip Larkin

 

Nesta estancia demorou longos días o Señor

Da tarde e os outonos. Levárono despois

A morrer noutro lugar

Seica un solpor de inverno.

 

Cortinaxes, bambinelas derramadas,

Xa murchas na súa cor,

Maiores que a varanda da xanela,

Farrapos dun estrago a mans do tempo,

As vistas a un depósito de lixo.

 

O señor afanábase no coidado do xardín,

Celeste afinador dos pianos das hortas.

Leito estreito de dous metros. Cadeira de madeira.

Luz de sol no longo día e, pola noite,

Unha lámpada de sesenta watios.

 

Nin cravetas, colgadoiros, perchas para a roupa.

Lugares de pousar os sacos ou os libros.

 

E unha voz díxome “Aluga, será o teu lugar.

Poderaste deitar na cama que foi súa,

Apagar os cigarros no cinceiro”,

E teño que atoar, que obstruír os oídos

Para esquecer o barullo do aparello

Que se fixo comprar para oír as noticias.

Coñezo os seus horarios, a hora exacta do seu rumbo,

Levo o ritmo do seu pulso a cada volta pola casa,

A frecuencia de saídas e de entradas.

A maneira en que comía, latas, queixos e embutidos.

Mais tamén que atravesaba as horas sen moverse,

Os días sen abrir a porta.

 

Polo demais sempre o mesmo. O verán en Mondariz.

O nadal no Baixo Miño.

 

Iso si. Ficaba quieto fronte ás nubes,

Fronte ao vento que as tronzaba,

Ou na cama a meditar,

Estarrecido pola idea

De que somos como estamos e seguimos

E a estas alturas da existência

Un cuarto de aluguer

Era máis do que cumpría.

 

Quen sabe se isto será certo.

 

Sen música, vivir,

Un erro, unha fatiga,

Un confinamento.

 

650 copiar

Mais fotos do álbum Delicatessen

Advertisements