Sobre a novela negra galega

novela_negra

Cómpre termos en conta á hora de falarmos dos xéneros literarios, de calquera xénero literario, o feito demostrado da súa inestabilidade. No caso da novela negra, de detectives, policial, de intriga, etc., a inestabilidade está xa presente, desde o inicio, na súa denominación. Se a isto lle engadimos o apelido ‘galega’, fica claro que o xénero parte dunha oscilación perceptible a priori: definir, que é unha novela; despois, que é unha novela negra ou policial ou de intriga, e, finalmente, que é unha novela negra galega.

Na medida en que os xéneros literarios son epocais e locais, isto é, dependen da época e do lugar en que son practicados, debemos partir de dúas obviedades: a novela negra galega practícase desde os anos oitenta do século pasado até a actualidade nunha sociedade que durante ese tempo comeza a considerarse a si mesma como democrática e particular, logo da desaparición do franquismo e o advento do Estado das Autonomías, co conseguinte agrelar das políticas cultural e lingüística e a apertura de novos mercados editoriais dependentes na súa maior parte das vendas vinculadas ao ensino. Sempre co espectro dun lectorado galego de masas co que soña e que, en grande medida, contribúe a crear.

Seguir lendo

Advertisements

Alfándegas do tempo

Corrían as calendas do ano oitenta e sete do século pasado.

Foi Carlota Álvarez Basso quen dispuxo un encontro no verán de poetas e pintores para falarmos e convivirmos durante unhas xornadas. Á cita estaban convidados Juan de la Colina, Tono Carvajo, Pedro Muíño, Darío Álvarez Basso, Berta Álvarez Cáccamo, Ramiro Fonte, Miguel Anxo Fernán-Vello, Xavier Seoane e un servidor. Non sei se omito algún nome.

O conxunto ficou para a memoria baixo o rótulo de Pintura Alfándega-Poesía e seica foi amparado con algún tipo de apoio orzamentario mínimo pola Universidade Popular de Vigo. Houbo un clima fraternal e entrañable. Conversas e imaxes que perduran co decorrer do tempo. Eu andaba a rematar O Varredor en Outono.

Encontro en vellas caixas unhas fotos do evento.