Ruína e sedimentación na obra poética de Manuel María

L02A3998

 

O primeiro que chama a atención da obra poética de Manuel María é a cantidade de títulos publicados. Desde o Muiñeiro de Brétemas, de 1950, ao Cecais hai unha luz, de 2010, hai sesenta anos de vida pública como poeta nos que atesoura nin máis nin menos que sesenta e un títulos. A pouco máis dun libro por ano. Aínda que non a totalidade dos títulos rexistrados son libros novos, e inclúen tamén recompilacións, antoloxías, etc., e non foron publicados dun xeito sistemático, xa que o autor atravesou duras décadas de represión e censura, a escrita, edición e publicación da súa obra seguiu un proceso constante que nunca se viu interrompido, como se considerase que a produción poética debía adaptarse aos procesos produtivos, aqueles que se levan a cabo en factorías, unidades de explotacion, etc., mesmo coa intención de equiparar, sequera dun xeito simbólico, a produción manual e a produción intelectual ou artística. De tal maneira que é difícil guiarse neste labirinto de obras que adquiren unha e outra vez a fasquía de “produción”. O “labrego con algo de poeta” considerou toda a vida que a escrita da súa obra debía adaptarse e seguir os ritmos dos ciclos anuais, independentemente da fortuna que os libros tivesen logo na súa edición, que non foi escasa. O certo é que todos e cada un dos seus libros teñen poemas memorables xunto a outros que non o son tanto, aínda que isto, obviamente, depende do lector que leve a cabo a actualización dos seus textos. Ademais, Manuel María foi coetáneo de poetas de produción moito máis restrinxida entre os que sobranceou pola numerosa descendencia literaria. Poetas como Uxío Novoneyra, de obra moito máis reducida. Ou como María Mariño, autora de rexistro, tanto literario como vital, ben máis limitado.

ler artigo completo

Advertisements