Letra de canción

Remexendo entre vellos papeis encontrei esta (letra de) canción. Gardo un recordo moi borroso dos tempos e as circunstancias en que a escribín.  Só precisa alguén que lle poña música e a cante.

RAÍÑA DE COPAS

Ela era a Raíña de Copas,

Afrodita ou Diana a cazar,

A tormenta que chega do norte

E unha illla no medio dun bar.

 

Camiñaba debaixo da noite

E subía até aos templos do alcol

A vender a súa froita queimada

Esperando a chegada do sol.

 

Maquillaba os seus ollos de verde

E a mirada quería saír

Desde o fondo dunha torre triste

Erixida tan só de marfín.

 

Entre os moitos que dela extraían

O metal máis prezado dun soño

Eu estaba bebéndome a vida,

Navegando por mares de outono.

 

E unha noite de inverno chovía.

Non había na rúa ninguén.

E ela estaba debaixo dun porche.

Ola. Como che vai. Moi ben.

 

Pregunteille non es ti a raíña,

A que entra nos bares gloriosa,

Da que a mesma Minerva ou Atenas

Parecen sentirse celosas.

 

E dixo non son máis que a fada

Que habitaba entre os bardos de onte,

A que entrega o sorriso e a noite

Aos que levan un verso na fronte.

 

E non era a Raíña de Copas,

Afrodita ou Diana a cazar.

Si a tormenta que chega do norte

E unha illa no medio dun bar.

 

035 copy.jpg

Advertisements

Ruína e sedimentación na obra poética de Manuel María

L02A3998

 

O primeiro que chama a atención da obra poética de Manuel María é a cantidade de títulos publicados. Desde o Muiñeiro de Brétemas, de 1950, ao Cecais hai unha luz, de 2010, hai sesenta anos de vida pública como poeta nos que atesoura nin máis nin menos que sesenta e un títulos. A pouco máis dun libro por ano. Aínda que non a totalidade dos títulos rexistrados son libros novos, e inclúen tamén recompilacións, antoloxías, etc., e non foron publicados dun xeito sistemático, xa que o autor atravesou duras décadas de represión e censura, a escrita, edición e publicación da súa obra seguiu un proceso constante que nunca se viu interrompido, como se considerase que a produción poética debía adaptarse aos procesos produtivos, aqueles que se levan a cabo en factorías, unidades de explotacion, etc., mesmo coa intención de equiparar, sequera dun xeito simbólico, a produción manual e a produción intelectual ou artística. De tal maneira que é difícil guiarse neste labirinto de obras que adquiren unha e outra vez a fasquía de “produción”. O “labrego con algo de poeta” considerou toda a vida que a escrita da súa obra debía adaptarse e seguir os ritmos dos ciclos anuais, independentemente da fortuna que os libros tivesen logo na súa edición, que non foi escasa. O certo é que todos e cada un dos seus libros teñen poemas memorables xunto a outros que non o son tanto, aínda que isto, obviamente, depende do lector que leve a cabo a actualización dos seus textos. Ademais, Manuel María foi coetáneo de poetas de produción moito máis restrinxida entre os que sobranceou pola numerosa descendencia literaria. Poetas como Uxío Novoneyra, de obra moito máis reducida. Ou como María Mariño, autora de rexistro, tanto literario como vital, ben máis limitado.

ler artigo completo

Manuel María, corredor de fondo

manuelmariaxurxolobato

foto de Xurxo Lobato

Chama a atención da obra poética de Manuel María a cantidade de títulos publicados. Desde o Muiñeiro de Brétemas, de 1950, ao Cecais hai unha luz, de 2010, hai sesenta anos de vida pública como poeta nos que atesoura nin máis nin menos que sesenta e un títulos. De tal maneira que é difícil guiarse neste labirinto de obras que adquiren unha e outra vez a fasquía de “produción”. O “labrego con algo de poeta” considerou toda a vida que a escrita da súa obra debía adaptarse e seguir os ritmos dos ciclos anuais, independentemente da fortuna que os libros tivesen logo na súa edición, que non foi escasa.

Darío Xohán Cabana, discípulo e amigo, en parte continuador do seu legado estético, escribiu a propósito do poeta de Castro de Rei:

Non negarei, levado polo amor, que entre os poemas de Manuel María hai moitos prescindibles que nada engaden á súa gloria; mesmo hai libros enteiros —enteiros non: sempre hai algo que brilla— que non chegaron a gustarme nunca. Así llo dixen unha vez, indo de Fene a Lugo, a risco de mancalo. Mais sería inhumano que nunha obra tan descomunal non houbese caídas. A poesía enteira de Manuel María abrangue mil quiñentas páxinas e corenta mil versos; é moito máis extensa aínda cá de Ramón Cabanillas.

 

Ler artigo completo