Oasis

13 xc10 20140220 queizan_dsc8110r

 

O meu encontro intelectual, mais tamén de amizade, con Maximino Queizán tivo lugar en catro momentos diferentes, desde a década dos anos setenta do século pasado. Primeiro como espectador, despois como crítico, máis tarde como tradutor e colaborador. Como espectador, desde o primeiros tempos da súa actividade teatral, tempos de Polinice, por exemplo, ou a A raposa e a uvas; despois como crítico, a partir dos diversos comentarios que tiven oportunidade de publicar na prensa, en anos xa posteriores, da estrea polo Centro Dramático Galego da obra de Luigi Pirandello Así é se vos parece, en versión galega do meu amigo Xavier R. Baixeras e dirixida con enorme éxito de crítica e público polo propio Maximino. En terceiro lugar, como colaborador e tradutor, coa colaboración inestimable da profesora María Victoria Gómez Reboiro, da obra Despois de Magritte de Tom Stoppard, posteriormente publicada.

Creo que, se hai un cualificativo que caiba empregar para definir a Maximino, un adxectivo que poida dar conta da súa posición, a un tempo rebelde e tenaz no mundo da nosa cultura, ese podería ser quixotesco.

E isto non porque a figura do Maximino, me lembre máis que vagamente a imaxe que a historia do grabado ou da pintura nos devolve do fidalgo sen par e irrepetible cabaleiro don Quijote de La Mancha, senón porque, penso eu, a empresa cuxos resultados hoxe poden ver, froito do empeño que vén levando a cabo, con sixilo, desde hai moitos anos, é sen dúbida merecente de tal cualificativo. E é que, certamente, tamaño altruísmo e idealismo, tan grande defensa dos ideais e das razóns do ben común, neste caso o espallamento da cultura teatral, sen recibir a máis mínima compensación a cambio, fóra da suposta gratificación persoal, non son hoxe moeda habitual e moito menos nunha cultura como a nosa.

Dito isto, quero sinalar que a traducción e posterior publicación e posta en escena de Despois de Magritte, foi, desde o meu punto de vista, e non porque eu formase parte do equipo de persoas que levou a cabo tal proxecto, un acontecemento de primeira liña na producción cultural galega máis recente que pasou, infelizmente, case, case desapercibido. E a magnitude de tal emprendemento haina que procurar neses tres feitos xa enunciados. En primeiro lugar, no propio texto. En segundo lugar, na escenificación. En terceiro lugar, na edición do libro.

Sttopard parte da constatación de que o relato, o relato moderno é sempre un discurso sobre dous niveis. Un nivel A, isto é, o nivel da evidencia, daquilo que é obvio, e un nivel B, isto é, o nivel do segredo, do que se desprende misteriosa pero inequivocamente do nivel A.

En Stoppard o nivel A está ocupado polo relato dunha investigación. Un inspector de policía indaga un caso trivial, deixándose levar unicamente pola súa intuición, con resultados certamente divertidos. No nivel B, sen embargo, Stoppard constrúe unha crítica da nosa cultura (e aquí nosa quere dicir occidental). O interese da obra céntrase en ambas as dúas lecturas. Por unha banda, a comedia, a burla do relato policial, a caricatura dos prototipos construídos polo xénero. Por outra banda, e velaí onde a obra encontra o seu sentido máis fondo, non alleo desde logo ao título nin á presencia nel do pintor René Magritte, a linguaxe como mecanismo encubridor da realidade, constructor desa outra realidade, a linguística, que nos tempos modernos (e non fai falta pensar máis que na televisión) é quen de ocupar o posto da auténtica realidade. Esta duplicidade do real posible, en tanto que mediatizado polas linguaxes, é, sen dúbida, o asunto desta obra. Creo, humildemente, que con Despois de Magritte, o teatro galego contemporáneo acadou un dos seus cumios.

Na xusta medida en que a obra é, entre outras cousas, un xogo de palabras, unha sucesión de equívocos provocados pola dobre lectura, a linguaxe verbal e os códigos propios do xénero do teatro adquiren aquí un predominio manifes­to da connotación, como se o autor, ao producir ironicamente un texto con forma de comedia policial, afastándose dos pormenores dunha simple semblanza da vida interior da burguesía citadina, quixese ensinar ao espectador a grande paradoxa de vivir, os débiles soportes que sosteñen a nosa visión enganada do mundo. E, nesa elevada torre da razón adquirida, basta con unha soa pedra se resinta para que o edificio enteiro se desmorone, deixándonos outra vez orfos ante o mundo, devolvéndonos a condición auroral dos primeiros poboadores do planeta. Sobre ese enigma, oculto por detrás de toda linguaxe, sexa verbal, teatral ou pictóri­ca, debrúzanos a obra de Stoppard, posuída, iso si, por unha intensa beleza. O traballo do Teatro Keyzán, cunha refinada interpretación e unha dirección magnífica, incrementou aquelas virtudes salientadas no texto, para darnos un espectáculo esquisito, divertido e manifestamente provocador. Unha sabia maneira de ensinar deleitando.

Creo que Maximino, como o inspector protagonista da obra de Stopard, leva anos querendo mostrarnos a fraxilidade dos alicerces da nosa comprensión do mundo. Tempo é de que a cidade na que criou e na que desenvolveu o seu traballo recoñeza a magnitude do seu mérito.

 

Do catálogo da exposición Teatro Keyzán, Vigo 1966-2016, 50 anos de creación escénica, Casa das Artes, Vigo, do 14 de abril ao 29 de maio.

 

Advertisements