De Manuel, o carpinteiro

Que vou contar de min se case non sei nada.

Deixei que a vida fose un vento que acariña
O corpo entre os salgueiros.
E fun polos países disposto a contemplar.
Non tiven máis victoria que un par de noites doces
No leito da raíz da eternidade.
E gardo as cicatrices dos lobos e das aguias.
Vou vello e levo enriba o cólico das fontes.
Hai ríos que me torcen a ollada cando paso
E nubes que alixeiran o voo para esquecer
Que existo ou que respiro.

Eu mesmo non conservo
Recordos especiais
Nin nada que me dea
Valor entre os humanos.
Son torpe e sinto o peso
Das sombras e dos soños.
Regreso algunhas veces ao espazo en que xurdín.
Camiño no silencio dos misterios
E sento entre o ruído da memoria.
As cousas xa non son como noutrora.
Descubro que o que foi xa non está.
E só perdura en min
O tacto destas pedras, o arrecendo
Do mar que se percibe cara ao fondo do río.

Non son máis que o sobriño
de Manuel, o carpinteiro.

Captura de ecrã 2015-05-7, às 11.56.21

Advertisements