De Albert Camus a Camilo Gonsar: Cara a Times Square

Se tivésemos que nomear un escritor galego contemporáneo sobre o que sexan evidentes os influxos do existencialismo, alén de coincidencias e obviedades, teriamos moi claro que ese escritor non é outro que Camilo Gonsar. Isto non quere dicir que a relación tivese que cinxirse ao seu nome e que non houbese máis escritores e escritoras nos que esta ligazón tamén sexa visible, mais o certo é que, en puridade, o seu discurso e o seu proxecto ficcional son os que se sitúan máis próximos doutros proxectos lixeiramente anteriores que se desenvolven, fundamentalmente en Francia, ao longo dos anos cincuenta. E entre eles cabe salientar, como non podía ser doutro xeito, a figura de Albert Camus.

Ler artigo completo

Captura de ecrã 2015-05-28, às 18.01.17

Advertisements

A Compostela de Filgueira

Foi a Xeración Nós, no seu europeísmo, quen dispuxo a idea de Compostela como berce de Europa e, tamén, de Galicia, un espazo que daba conta capital dunha nación enteira, mesmo como alternativa ao Toledo da Xeración do 98, erixido como símbolo do esencialismo españolista. Filgueira, destacado membro do SEG (Seminario de Estudos Galegos) herda esta proposta, como un alumno que debe reescribir as liñas que faltan na lección dos mestres. E faino desde a excelencia na erudición e no detalle, combinando distintas disciplinas, que van desde a historia da arte á literatura, sen esquecer a súa fascinación por personaxes da entidade do bispo Xelmírez e o mestre Mateo.

Compostela ermerxe así como un poema, no sentido dunha epifanía da linguaxe, ou das linguaxes, como un milagre, un enorme e rotundo poema colectivo, mesmo nacional, construído coa enerxía de todo un pobo ao longo de varios séculos, porque son moitos os códigos que veñen verter nela e todos dan conta da súa singular posición no mundo. Esta disposición da cidade como poema ou, mellor, como obra de arte posibilita a análise que se leva a cabo desde unha revisión de todo cando a cidade logrou como obxecto de enunciado, calquera que fose o medio de expresión, plástico ou literario ou musical, ao longo do tempo en que adquire o seu duradoiro esplendor. Filgueira, como un paciente copista, interpreta cada un deses signos nun exercicio no que prima, desde o punto de vista metodolóxico, o comparatismo. E desde o punto de vista conceptual, ou filosófico se se quere, un antagonismo sen resolver entre o esencialismo herdado e unha presenza da historicidade. E todo isto sen vontade de ser exhaustivo, consciente de que esa imaxe total da cidade sería, senón imposible, si, cando menos, esgotadora tanto para o autor como para o lector.

Ler artigo completo

47002556

De Manuel, o carpinteiro

Que vou contar de min se case non sei nada.

Deixei que a vida fose un vento que acariña
O corpo entre os salgueiros.
E fun polos países disposto a contemplar.
Non tiven máis victoria que un par de noites doces
No leito da raíz da eternidade.
E gardo as cicatrices dos lobos e das aguias.
Vou vello e levo enriba o cólico das fontes.
Hai ríos que me torcen a ollada cando paso
E nubes que alixeiran o voo para esquecer
Que existo ou que respiro.

Eu mesmo non conservo
Recordos especiais
Nin nada que me dea
Valor entre os humanos.
Son torpe e sinto o peso
Das sombras e dos soños.
Regreso algunhas veces ao espazo en que xurdín.
Camiño no silencio dos misterios
E sento entre o ruído da memoria.
As cousas xa non son como noutrora.
Descubro que o que foi xa non está.
E só perdura en min
O tacto destas pedras, o arrecendo
Do mar que se percibe cara ao fondo do río.

Non son máis que o sobriño
de Manuel, o carpinteiro.

Captura de ecrã 2015-05-7, às 11.56.21