Escena exipcia

‘Sen baixar sequera do cabalo,
Mandarei que vos lapiden
E que prendan lume aos corpos,
Cando teñan a constancia
De que non regresaredes,
Invasores e ocupantes,
Nin en forma de fantasmas’,
Así falou o Rei e puxo na súa boca
O selo que esgrimía no anular da man dereita.

‘Raíñas e sibilas, asistentas e escravas,
Verterán pola distancia o seu xasmín,
E prenderán novas resinas como afago e como honra.
Breas, ceras, costros,
Piches e alcatráns
Arderán durante días en lembranza
Da ruindade que existía
No interior da vosa carne,
E xamais permitiremos que parentes e achegados,
Amigos, familiares ou próximos,
Acariñen ou apalpen
Arrecheguen e aloumiñen
O que xa será só cinza,
Borra, cisco e varredura’,
Dixo por fin o monarca,
Sobre todos soberano.

E foi que dese xeito acometeron a vinganza,
E lograron redimir os séculos de oprobio.
A infamia, o vilipendio,
A aldraxe e a ignominia.

280px-Maler_der_Grabkammer_des_Amenemhêt_001-2

Advertisements