Encontro con Fédor

Que beleza a deste tomo dos irmáns Karamázov,
Impreso no ano oitenta do oitocentos,
Cando o século fendía e xa desatrancaba
Unha porta, unha cancela, un furado, unha soleira,
Batida polos soños, gañada polo azar,
Tronzando polo medio un fondo de pintura neoclásica,
Deixando sen futuro un tempo que vencía.

Que beleza e que rareza a deste tomo en lingua rusa,
O enigma dos seus signos comprimidos,
Chamazo e garabullo, esbozo, risco e trazo,
O aceno repetido das letras procurando
O voo dun longo espectro,
Un eco de conciencia.

E que vital a fermosura
Destoutro máis recente con posfacio de Freud,
Publicado en Lisboa por Relógio D’água.
E que sorte a de poder entrar na libraría,
Compralo e regresar
De novo a unha esplanada,
O corpo entre as augas e o café,
E dáreste á lectura,
Sen tempo nin premisa,
Sen medo de que a tarde se afunda e esmoreza.

Que beleza a de seguir
A ler despois no cuarto da pensión
Entre os falares e as conversas
De Dimitri e Aleksei, de Iván, tamén chamado
Vania, Vanka ou Vanetchka,
E, xa de madrugada, durmir até o rebento da mañá
Feliz, reparadora, necesaria,
Os ollos esgotados, a alma namorada,
O corpo na ascensión dos vinte anos.

As flores dese abril e as uvas dese outono
Virán marcadas polo fito
De andar a conversar
Por prazas e por largos de Lisboa
Coa voz que conta a historia dun tempo xa fuxido
Alá polas chairas de Rusia
Nas páxinas dun clásico (en ruso e portugués)
Da Literatura Universal.

200px-Dostoevsky-Brothers_Karamazov

Advertisements