Delirio, aparición, romance e bautismo de Anna Livia Plurabelle

Cando as augas do Lagares no remate de setembro,
Tan escasas como escuras, verten cálidas no Bao,
Anna Livia Plurabelle sente vir melancolía.

Son os ecos de Dublín
Que xa achegan polo mar
As cancións que lle cantaban
Nos garitos de Irlanda
Mariñeiros con saudades
Que alí foran desprazados
Por un vento, unha galerna,
Unha chuvia de espiñas.

Anna Livia Plurabelle
Dispuxera nos reloxos
Unha pinza que os paraba
Para ser forever young.
E era lívida por Livia
E fermosa varias veces.

E foi nestas que chegou o vagabundo.

‘Ei ti, especie de Walt Wittman,
Namorado da linguaxe,
Ebrio errante ou errabundo,
A que andas, que me queres,
Quen te puxo sobre a pista
Dos verdes campos de Hibernia’.

Tempo había que o moinante
Consumido de silencio
Coas palabras a ferver
Carretaba o desvarío.
E foi grato para el conversar con alta dama,
Deter por un instante o fluír da súa lembranza
Nas tabernas en que deran acougado
O furor arrepiante das ondas do Gran Sol.
E foi que, rumoroso, dispuxo esta mensaxe:

‘Moito temo que Anna Livia
Plurabelle xa non recorde
Un acorde das cantigas.
Mais eu gardo algo de folgos pra cantar.
E é deixándome levar
Polos ánimos que prenden
Que vou dar como pretenden
A resposta co meu canto.
Que se un día me levanto
E acontece que morrín
Que outros canten en Marín
Máis por ela que por min’.

‘Moito erras Wittman Walt.
Non pareces un poeta.
Nin voz tes para falar.
Máis semellas unha chave enferruxada’.

‘Son un vello mariñeiro
Que perdeu todo o que tiña
Os limóns no limoeiro.
A gamela na mariña’.

E foi así que respondeu
Anna Livia Plurabelle:

‘Oh eu que noutro tempo
Fun rapaz e rapariga
E árbore e paxaro
E peixe habitante do mar
E Empédocles e Heráclito
E a tartaruga e Aquiles
E a aporía de Zenón,
Eu que sempre levarei,
Como un lunar sobre a fronte,
O clasicismo,
O clasicismo do barroco
E o barroco do realismo
E a tradición da vangarda
E a Picasso en Altamira’.

‘Que fermoso que me chames Wittman Walt’, dixo entón o vagabundo.
‘Chamareite Loira Flor Melancolía’.

 

AnnaLivia

Advertisements