O Espírito da Historia

Ben lembro que aquel día, ás nove da mañá,
Tiñamos unha clase con Ferrín:
Literatura Universal.
E lembro que, feliz, entrou na aula e puxo
De exercicio unha lectura sobre Homero.
O nacemento da épica en Grecia.
Que, aos poucos, nos contaba
Que houbera unha revolta en Portugal.
E que, finalmente, rematara a ditadura.
Vintecinco de abril de mil novecentos setenta e catro.
Sexto curso de bacharelato.
Con quince aniños todos.
Gardo con viveza esas imaxes
Porque foi unha das poucas
Veces en que puiden
Percibir con claridade
O concepto hegeliano
Do espírito da historia.

mendez ferrin

Advertisements