Novamente England

Definirmos a gramática do ser
E encontrarmos un idioma que se verte,
Unha lingua esparexida que ateigaba os continentes
Rebosante de enxurradas e de chuvias e fervenzas.
Actuarmos sobre as láminas da historia,
Sobre as trabes en que tronza o volume do conxunto
E hai un peso que ameaza e nos inclina.

‘Porque un corpo non é nada sen o espírito
Que empurra na palabra a súa figura’.

E foi que a torre non caeu.
Mantívose na altura. Seguiu a darnos sombra.

Ela andaba a percorrer, agrimensora,
As distancias entre as pedras do destino.
Tiña un cuarto perfumado con xasmíns.
E nas tardes reparaba en como o sol difundía entre as illas e o mar
Un solemne reflexo.
Por ser era, sempre, ou case sempre, agosto.

E eu quería estar en Londres,
Debuxar noutro país o meu círculo de umbría
Ler nos parques en silencio sen premura.
Mais a historia me apelaba.
Pronunciaba no meu nome cousas que nunca eu soubera
Remitía cartas longas por escuros labirintos
E pousaba no máis branco de min
Unha apócema de mel
Negro como a noite.

Mesmo ás tardes se ía sol
Apañaba algún tren cara a Bristol ou Brighton.
E ficaba alí a durmir
Esperando que amencese.

Os cadernos ateigados de poemas.
As pernas esgotadas de tanto camiñar.
E a boca sen vogais que nun asombro se perdesen.

Ouh England, terra brava,
Depósito en ruínas do British Empire.
Cabeleira que derrama sobre os ombros unha manda de serpes.

images

Advertisements