Traizón

Debeu ser dificultosa a chegada dos humanos á linguaxe.
Esa época febril en que senten na cabeza
Que algo máxico e absurdo lles está a ser desvelado.
Unha cousa, unha palabra.
Ser, facer e os seus contrarios.

Eu, sen ir máis lonxe,
Levo anos procurando traducir a miña vida.
Dar cos signos que repitan,
Polos séculos dos séculos,
O que foi e aconteceu,
O que quixen e o que puiden.
O que souben e debín.
Non obtiven por agora resultados.

Ir dos feitos ás palabras é difícil.
Cando pensas que xa está e que é unívoco o sentido
Chega un vento e desarbora o que hai nada era feliz.
E as palabras que pensabas testemuñas da túa fé
Desdebuxan o seu voo e esfumiñan o trazado,
Pondo un vidro balorento entre os signos do mundo
E na boca verten ácida descrenza.

Dos soños ás palabras, máis difícil aínda.
Labirintos e reflexos, enredos e marañas,
Resonancias e rumores.
Verte a néboa na linguaxe e as súas húmidas fariñas
Unha bruma borraxeira que esnaquiza a realidade
E fulmina das certezas o seu eco vocal.

Das palabras ás palabras, imposible.
Non se queren, non se rozan.
Mesmo aquelas que aparentan unha certa relación
Son distantes e renegan
Do seu vínculo co mundo,
Cos espectros,
Co alarido infeliz dos idiomas.

Between Heaven and Earth

imaxe de Hugh Kretschmer

Advertisements