Unha voz pide perdón

Entre as débedas que espero non ter nunca que pagar
E que premen no meu lombo como o mármore da lousa
E o silente ciprés,
Culpas vellas das que son o responsable
E que algún dos que noutrora me habitaron
Debería ter penado na prisión,
Hai acaso unha que acende sobre todas o remorso:
O dano gratuíto a un corpo inocente,
Paxaro derrubado dunha árbore esguía.

As infancias no fascismo
Eran ecos da violencia.
E ninguén estaba libre do arrebato.
Torturábante. Torturabas.
E era heroico matar.

Unknown-3

Advertisements