Segundo suplemento: nova aparición do vagabundo

Foi no ciclo en que eu vivía distante do bulicio,
Polos anos en que o tempo inda alzaba un estandarte
E eran gratos os encantos que brindaba o itinerario
Dun trazado sen rumbo, dun camiño sen meta.
Encontreino a percorrer pola beira do mar
Un abril que xa era unha túnica de flores,
Unha brisa nos campos. E falaba posuído
Por unha voz interna, un estraño rumor:

‘Os que tratan a diario coa palabra
Por forza acaban sendo un algo místicos.
Ben perciben que os sentidos non dependen da vontade
Senón que se difunden
O mesmo que a tormenta,
A lava do volcán,
O vento sobre a herba dos panascos,
Seguindo unha azarosa trama,
Unha urdime que provoca o nacemento
Do lenzo de vivir e do tecido
De liño ou de algodón de cada cousa.
Ninguén pode baixar o outono dun transporte,
Subir a primavera até un outeiro.
Pesar pesar, poden pesar unha muller.
Mais como ponderar o voo da súa beleza.
Que métrica usarán en dar coa dimensión do seu misterio,
Coa danza que executen as súas mans,
Co pasmo dos seus ollos a mirar
As liñas que dan forma a unha distancia’.

E dicía todo isto cunha voz chea de asombro,
El mesmo sorprendido no voo do seu discurso,
Atónito e turbado co trino da balada,
Feliz por posuír, radiante do arrebato,
A voz dun pescador, o falar dun moinante.

the-therapeutist-1937(1)

Advertisements