Algún fío por urdir

E foi deitarmos o navío sobre o mar da cor de viño
Que chegaron moitas nubes
E o vento resoprou.
Oh illas perfumadas,
Co arrecendo do ourego,
Da lavanda e do xasmín,
Que deixa atrás un home cando parte?
Non perde acaso a vida que tería de ficar
E non gaña, pola contra, os abrazos da ventura e o sorriso do devir?
Non esquece unha memoria,
Unha terra que batía no interior do corazón
Ao compás da lúa nova e dos ciclos da tristeza?
E non gaña atrevemento, ira e furia a cada paso
Na súa loita incesante co mundo?
Sede, oh deuses, testemuña,
Neste tempo oracular,
Do vigor con que se entrega
O seu corpo no naufraxio,
Da beleza con que afunde
Sob o mar da cor do viño.
E alongade a vosa man
No feitizo de salvalo
Se das Parcas inda ten
Algún fío por urdir.

Homero-1

Advertisements