Sétima alocución

A Historia de Galicia é un sen fin de casos tristes
Como son, polo xeral, as historias dos países derrotados.
Non tivemos un imperio
Nin vencemos en batallas;
Nin dominio amoreamos sobre extensos territorios que nos fosen debedores
Por encargo ou compromiso, beneficios ou favor.

Fomos presos e soldados,
Prostitutas e criadas,
Soñadores e artistas,
E espallamos polo mundo o sentimento da saudade.
E axudamos a facer a ponte de Brooklyn
E a revolta en Patagonia
E a cortar a cana en Cuba
E a botar o demo finalmente de Berlín.

Mais gardamos un idioma,
Unha flor que non murchou
E que aínda nos reúne,
Unha chave que abre portas no misterio do mundo,
Unha porta que dá para un xardín, a miúdo en alamedas,
Un xardín en que florecen os magnolios,
Moi comúns no mobiliario palaciano,
E as grandes flores épicas, como a cala,
Zantedeschia aethiopica, con forma de corneta,
Que garda no interior a mazaroca,
Unhas veces laranxa e outras veces amarela,
E as hortensias,
Enigmático compendio do fracaso,
Importadas desde a China por Philibert Commerson,
Naturalista francés, namorado dunha Hortense, delicada flor.
E as buganvíleas, abeiradas ás casas ou pingando polos muros,
Espiñentas e abusivas, sempreverdes ou caducifolias,
Derrubando na paisaxe o seu solpor de ruína,
Establecendo a lei escura,
A norma do confuso,
A regra do sombrío.

A lingua de Galicia é unha torre sen caer,
Un castelo que se ergue por enriba dos lustros e das décadas,
E que garda no interior o estoxo azul desta nosa facenda,
O que herdamos e o que temos,
O que foi amoreándose no tempo
Ou ficou aquí prendido no devalo
Das palabras e dos feitos,
Dos soños e das cousas.

A Historia sempre foi un sen fin de casos vellos,
Non importa de que patria, de que imperio ou de que mundo.

A lingua de Galicia por agora é unha presenza,
Unha páxina que está por escribir,
Unha liña de futuro.

galicia

Advertisements