Segunda alocución

Non importa que o poema estea escrito.
A luz do acontecer acende na súa letra
O azar dos mil sentidos.
Mal poden os poetas fixar a dirección
Do río do discurso;
Mal poden gobernar o rumbo, a singradura
Da nave do seu canto,
Que a orde se disolve, asoman os acasos
E vén o imprevisible, o fortuíto,
E vira na ruleta a roda da incerteza,
Xa verte e esparexe a sorte polo mundo
O fado e a fortuna, a brisa do destino.
Tamén polos teatros hai vento a revoar,
Correntes que se xeran debido ás diferenzas,
E empurran a calor ao límite do frío,
E todo o que acontece na esfera da ficción,
Previsto nos ensaios e no texto,
Deriva por motivos que ás veces nin se explican
En erros e naufraxios, en tintas que se verten
E fican derramadas, en voces que resultan
Inhóspitas, estrañas, en pasos, movementos
Que nunca se pensaron.
O intérprete procura goberno nese caos
E lei na continxencia
E orde polo abismo.
Nin sempre ten as luces que poidan reverter
As sombras que lle asoman.
O actor, como o poeta, tamén vive debaixo
Das pedras do destino.
Ten sorte se as palabras permiten que se achegue
A algún lugar seguro,
Ao abrigo que as ampare na ira da tormenta.

Teatro-grego

Advertisements