Primeira alocución

Dirás que non é certo
Mais podo asegurar,
Sen medo a cometer un erro imperdoable,
Que todo isto é teatro.
Teatro no mellor dos sentidos.
Ou no peor.
O lugar da produción dunha mirada.
O punto no que un ollo repara no que ve
E ponse a contemplar,
Mestura de atención e pensamento,
O mundo que se verte por adiante.
Hai anos que o medito,
Hai tempo que o pondero,
E alego como proba o feito de que aquí
Todo poida estar previsto:
O asunto, a trama, o enredo,
O sumario e o resumo,
Polémica e ardor dos argumentos.
Mais a pregunta segue a ser,
Non o esquezamos,
Como acontece o poema?
Porque o poema, como o teatro, acontece.
E repito o interrogante:
Como é que acontece o poema?
Porque o poema non é máis
Que un vertido da existencia.
Un lóstrego deitado nun espello,
O poema é unha doenza que se funda na linguaxe,
Un porto no que os barcos repousan afundidos,
Cemiterio das palabras que brillaron.
A cinza que fumega despois de consumirse,
Os restos dunha chama que extinguiu.
O poema non é máis que unha forma de teatro.
Porque o corpo é como a letra:
Un trazo que se move e modifica
O sentido a cada pouco.
O corpo está escribindo sen parar
O curso dun discurso en movemento,
O corpo nunca deixa de dicir
O enigma e o misterio.
E nós non somos máis
Que fotos estragadas polo tempo,
Impactos de claror que se recollen
No fondo dunha ollada,
Igual que as horas verten a luz de cada instante.
Que o poema é unha doenza que se funda na linguaxe,
O poema non é máis que unha forma de teatro.

images

Advertisements