Da flor do esquecemento

O día en que o negocio da vida se che afunda;
A tarde na que poñas no cristal do escaparate
O anuncio de traspaso;
A noite na que o banco das débedas naufrague
E alguén acerte a abrir o estoxo das divisas
E deite a ollada escura en herdos e contratos;
A hora en que esa empresa
Suspenda o pagamento de vivir
E deixes alugueiros, hipotecas,
Facturas e gravames…
Que borren a túa historia,
Que queimen o teu curso.
Ninguén teña noticia
Dos cólicos que fuches.
Que nada máis inútil
Que o triunfo ante o devir.
Que as ínfulas e as famas
Son círculos, ronseis, auréolas e fumes
Non fique, pois, presenza,
Nin trazo nin pegada.
Nin eco nin reflexo.
Que embarques para o escuro
Sumido no arrecendo
Da flor do esquecemento.

A-que cheiran as nubes

Advertisements