Onírico Homero

And then went down to the ship,
Set keel to breakers, forth on the godly sea, and
We set up mast and sail on that swart ship

Ezra Pound, Canto I

Quixo o curso dos planetas e a deriva das galaxias
E o fluír dos vellos ríos e a calor dunha emoción
E o sorriso dunha moza conxelado nunha foto
E o trotar dun poldro branco polas veigas
E unha onda que chegaba a reventar contra os penedos…
Que unha noite delirase consumido pola febre
E furgase polo fondo dos soños
O relato de Odiseo no país dos feacios.
Ser sería en grego escuro,
O falar do mundo clásico,
Como un son que levitase,
Arrestado no medio da tarde,
Encarcerado a unha postura
Algo incómoda no lombo.
E dicía o seu cantar así:
Un furado cavei da largura dun brazo
E vertín tres ofrendas por todos os mortos:
Leite e mel, a primeira; a segunda, só viño;
A terceira con auga e con pó de fariña.
E invoquei os finados xurando matar
Ao regreso unha vaca infecunda,
E queimala na pira con ricos presentes.
E, só por Tiresias, unha ovella ben negra,
A mellor das que pasten naqueles panascos.
Foi logo de invocar as sombras dos defuntos,
E deitar polo vento cen promesas e súplicas,
E verter do meu gando negro sangue na terra,
Cando deron en vir as almas dos perdidos,
Dos que foran falecendo no curso da historia.
Eran damas antigas ou aínda louzás,
Solteiras e viúvas, mesmo noivas e esposas.
Doncelas que sufriran unha dor xa sen cura,
Vellas decaídas nun sopor de vento.
Mozos tenros imberbes, malferidos de bronce.
Homes feitos vencidos en perdidas batallas.
E entre eles Elpénor, compañeiro do mar,
Insepulto nun lance de loita recente.
Di, Elpénor, pregunteille, como foi que te achegaches
Á bretemosa escuridade?
Como foi que atravesaches,
Máis veloz vindo a pé
Do que eu na negra nave,
As cancelas do país dos falecidos?
En Toronto algunhas noites, respondeu,
O bruar do vento trae
Unha especie de bafo
Que procede dos lugares que chamaban do Hades,
O alento mesmo da terrible,
Pavorosa Perséfone.
O lago Ontario, cando xea,
Esparexe na cidade,
Desde Oakville até Oshawa,
Un fedor de antiga morte,
Como un vómito esquecido,
Que arrecende a viño escuro.
En Toronto algunhas noites o bruar do vento trae
Ás cancelas do país dos falecidos
Unha lúa caída,
Unha lúa de sombra.
E se enfrías baixo a tebra da nogueira
É ben fácil que o teu corpo
Sexa aos poucos a morada
Doutras almas perdidas,
Vagabundos sen sorte
Nin máis norte que a morte.
‘Perché vuol mettere le sue idee in ordine?’,
preguntoulle Mussolini a E. Pound en 1933.
Cando outrora era incesante o morrer e o silencio.

20120222-Odysseus_in_the_Cave_of_the_Winds

Advertisements