Carta á nai no día de defuntos

Na lenta progresión das rodas deste século,
Xa van alá seis anos que foi que te deixaches
Levar polas correntes da tristeza,
Furtar pola crecida e o regueiro
Da coita e da amargura, da dor e a pesadume,
Deposta emperatriz e neve derretida,
Camelia vermella do Miño.

Eu sei que tiñas tempo de durar
E ollar crecer aínda
O breve pomariño que plantamos
Na estrema do quinteiro.
Tamén que devecías
Por ver o que se esconde
Na banda escura dos espellos.

Sabía desde a morte de meu pai
Que a vida era máis dura para ti,
Máis ríspida e severa,
Máis cruel e insoportable,
E todo o que fixemos para terte
Feliz sobre este mundo
Levaba desde o inicio o selo do fracaso.

As úlceras da guerra xamais te abandonaron
E tiñas na lembranza a crueldade,
A furia e a barbarie.
Que mal fixeras ti, oh nena dos xasmíns,
Rapariga que canta.

Mais, sexa como fose, o certo é que embarcaches
No buque máis escuro, na góndola do olvido,
Na lancha que se afunde no mar do esquecemento,
Deixándonos o alivio dun tránsito moi doce.

Un ermo desleixado foi o mundo desde entón.

E, Chelo, podes crerme se digo que cos días
Notamos máis o frío e o baleiro,
Este áspero rigor desapacible que abrolla da túa falta
E deita polas horas,
Este seco e desabrido borboriño
Da sombra a propagar
A noite sobre o mundo.

Despois de que partises e xusto aos doce meses
Sufrín os arrebatos da doenza
E foi o malestar e a enfermidade
Quen puxo no meu corpo derramado
O cólico da morte.
Tratáronme doutores, viñeron sabios vellos,
E foron concluíndo que debía
Repor o que estragara.
E a catro de novembro do ano dous mil nove
Abriron o meu peito e rescataron,
Mancado, o corazón, ferido de vivir,
Despois de cinco décadas batendo.

Dos netos non hai queixa.
Da casa nada novo.
O río segue impondo, espello do ceo gris,
A cor emborrallada das tardes que se nubran.
En pé segue o canizo e a ameixeira.
En pé os xapoeiros, as árbores, a viña.
Moncho, o do tractor, roza a herba a cada pouco.
E os montes non encontran quen os queira.
Por sorte non arderon nestes anos.

Na campa onde repousas hai flores para ti
Que Rosa ou Carme poñen cando acordan
E estás no teu lugar, moi perto de María,
De Adriana, de Manuel, de Aurelio e máis da xente
Que en tempos habitaba a nosa aldea.

Un mundo que fervía descansa agora alí.
As fotos en que asoman o que foron
Desvelan unha idade que se foi,
Deitada no sepulcro e na lembranza.

Novembro segue a ser o mes do esquecemento
E pouco ocorre nel que nos mereza
O premio da memoria.

É tarde e non parece
Que a noite traia hoxe
Ningún outro martirio
Que poidas acalmar.

myWPEdit Image

Advertisements