Como un neno

Vai o día esgarecido a minguar polo traxecto
Desta vella axitación.
Non é novo o que che deixa
No remol desta xornada.
Vento seco, algunha nube,
Unha borra polo fondo que semella un horizonte,
A sospeita de andar preso sen sabelo,
O receo da gaiola, a impresión do canistrel.

Vives libre e tes oficio
Para andar co pensamento
Sen máis límite que os soños.
Mais non podes evitar
Que che agrele a flor do afán,
A cobiza de estar lonxe.

Mal asunto. Non deberas
Ter apuro coa distancia.
Non virá a prosperidade,
Nin sequera o entendemento,
Moito menos o xuízo,
Sen o pouso dos teus días sobre a terra.

Pois, que reclamas?
Non comprendes que estarías
Máis revolto, impetuoso,
Aínda turbio e arroutado,
Se impuxeses a túa lei noutro confín?

Sente o acougo desta noite constelada.
Senta aquí. Deixa os ollos
Debuxar no firmamento
O carreiro das estrelas.
E adormece.
Como un neno.

myWPEdit Image

Advertisements