Réprobo

Poesía,
Perenne altar dos sacrificios da linguaxe,
Tabernáculo e sagrario,
Mirador das emocións
E pavillón dos fracasos,
Ti tamén andas no tempo,
A rebolos enchoupada na lama da historia,
Como un pelouro que os anos transportasen
Río abaixo sen destino.

Foron moitas no decurso das voces dos séculos
As linguaxes que te amaron,
Entre a queixa e o clamor,
Entre o canto e o berro,
A tentar a salvación
Do teu corpo caído na enxurrada dos días,
Mestra escura do enigma,
Sixilosa institutriz da flor dos segredos.

Hai xa lustros que frecuento o poder do teu ditado,
Os imperios en que brotas entre as ás dunha palabra,
Carretando o señorío dos idiomas
E vertendo o aceite aceso das túas chamas
Sobre o lombo fatigado dos seus mudos pronomes.

Moitas foron as xornadas que pasei
En silencio procurando o arrebato do teu voo,
Taciturno e reservado na túa espera,
Coa afonía da noite á procura do ton
Que me había proxectar na eternidade.

E só agora me desvelas,
Xa vertidos tantos anos,
Que o camiño do devir nos leva a todos,
Inocentes e agudos, crédulos e astutos,
Na derrota sen fin do teu río de verbos,
Aforcados e extintos,
Uns anacos de pau que se perden.

Poesía,
Perenne altar dos sacrificios da linguaxe,
Sixilosa institutriz,
Mestra escura.

myWPEdit_Image_1415559480.jpg

Advertisements