Nota

Fillo de centauro e de sirea
era home, cabalo, muller e peixe ao mesmo tempo.

Desde onde canta o canto, preguntaba.
Até onde cae polos abismos.

Home, tiña o peito florecido con pigmentos de solpor
E unha dádiva de cinza escorréndolle das mans.

Cabalo, desfacía na lembranza unha chaira infinita
Con lagoas e con herba. O lugar onde pousara
O seu lombo moitas noites, a ollar a luz dun ceo estrelecido.

Muller, sobre os ombros debuxados con pigmentos de sombra
Unha hortensia que murchaba nas alturas da cabeza.
E nas mans a galanura do tear, das arxilas e da roupa.

Sirea, perseguía polas praias un afán
De estío culminado. E arrincáballe ao silencio
Claridades de metal, a mesura da noite.

Fillo de centauro e de sirea
era neno, palafrén, esposa e arroaz ao mesmo tempo.

De que torre xorde o signo, preguntaba.
De que muro brota a música.
De que pozo, o manancial.

myWPEdit Image

Advertisements