Imán (do Samaín)

Vento insomne dos sepulcros que percorres a cidade
Á procura do lirio e da mazorca,
Da semente e da frescura
E das flores embriagadas por un golpe de tambor,
Non estou e non me esperes. Vou tardar.

Sinto a voz do esquecemento e o seu bico de paxaro
Que rodea os edificios,
Un fuxir de labios cegos,
Un correr por augas fondas.

Só unha lámpada de son, unha lanterna de música,
Amañece polo centro do horizonte,
Como un cabalo ataviado de algas.
E eu visito a súa tristeza,
O seu longo galope que fulgura.

Rota o mundo cada noite
E adormece esta inquietude.
Canta o melro entre as cerdeiras.

Mais ti, vento sepulcral,
Oh raíz dos abandonos,
Segues firme no teu voo,
Teimas rexo, vigoroso, no falar da túa emoción.

Canto imán hai no teu paso,
Canto ferro nos meus soños,
Canta forza no desexo.

myWPEdit Image
photography by Kasia Derwinska

Advertisements