Das cancións do vagabundo I

A tarde en que sentiu o cólico sagrado do mar pola cabeza
E un enxamio de almacéns entre as chuvias da infancia
Non chovía. Non sopraba ningún vento.

Mesmo un neno que comprara un globo no quiosco
Chegou a casa sen percances.

Mais el estivo a ollar toda a tarde aquel diamante.
Unha pedra transparente que voaba xunto a el
Non moi lonxe dos seus ollos.
E emitía un brillo cálido, delicioso para ver.

A tarde en que sentiu como entraba o mar sagrado na baía da cabeza.

Trastorno leve e pasaxeiro, dixo o médico.
A inxesta de café ou de alcaloides.

Esa noite non durmiu.
E, xa de madrugada,
O cólico sagrado do mar na súa cabeza
Converteuse nun rumor de gaivotas.

Era a illa dos naufraxios.
O lugar onde repousan os poetas afogados.

myWPEdit Image

Advertisements