Romance do vagabundo

– En que gastaches, dime, a flor da mocidade.

– En ver como chegaban as nubes polo alto
E as tardes derrubaban a luz da súa presenza
No mármore do mar. 
En dar con ese verso feliz como un disparo
E agónico de tanta fermosura. 
En ir pola distancia perdéndome na néboa
Igual que fan as aves, os ríos, os silencios. 
En ser como unha sombra de altos bidueiros disposta ao pé dun lago. 
En pór sobre o meu corpo a chama delongada
Da música e da cor da terra amarelenta. 

– En que perdiches, dime, a luz da claridade. 

– Non souben dar acougo aos días que chegaban
E fun a moitos templos por cantar
E bágoas non saían do corpo namorado.
Non tiven a certeza e fun gañando sombra
Perdéndome nos fíos de brillo polas horas
Deposto como un vello monarca que perdese
Nun pozo a flor ilustre dun órgano de auga,
E aínda pola contra no século tocase
O harmonium que esparexe borralla polas tardes
E outonos sobre o círculo dos anos.

– Por que chegaches tarde ás citas coa tristeza. 

– Fun sempre impuntual coas ordes do destino.
Xamais cheguei a tempo se o tempo me chamaba
Nin souben ser cortés coa noite e o seu grito.
Errei polos camiños seguindo unha derrota
De chuvias e regatos, de lamas e de neves,
E así fun derretendo a cólera do fado.
Non dixen nunca adeus nin quixen facer pranto.

Vello, cego e camiñante,
Has vivir a túa condena.
Ninguén se libra nunca
Das regras da ventura.





myWPEdit Image

Advertisements