Da orixe da traxedia no espírito da música (Notas persoais de D. Hermes Mirabel, psicólogo e frautista).

Das tardes en que andei errante por Torino
Con Nietzsche frecuentando as fondas e tabernas
Que o século deixara en herdo sixiloso
Por luces e relampos de antiga floración
Recordo aquela escura, fendida por misterios,
Falándomos de música.

Se Wagner xa non era
O deus que prometera,
Bizet traía agora
Os soños para fóra.

‘Tan tristes son os días sen voo do melodista’,
Propuxo o pensador
Errante, o fuxidío
Anacoreta,

‘Que abril xa non o asiste e maio dimitiu
E xuño está durmindo sobre a area.

E todo canto pode verter por el novembro
Son longos contrabaixos e tambores
Fervendo como chuvias e tormentas.

Que sangren, pois, feridas de morte por decembro
E proan cicatrices e queimen como chagas
De lástima os recordos dos meses estivais’.

Recordo que era tarde e o século viraba
Na curva das súas décadas extremas
Retorto como un vidro
De frío e de calor.

‘Irei en poucos días para os Alpes’.
Dispuxo como un signo de luz, un epitafio.
‘Quixera camiñar para escoitarme’,

Deixeino xunto á porta da casa en que alugara
Un cuarto con xanela para a rúa,
A mesa en que vertia palabras derradeiras.

myWPEdit Image

Advertisements