Estraño animal

Oh santa noite excelsa,
Nai da lúa arrebatada,
É certo que non volve a mocidade?

Camiño entre desastres
Do credo e do misterio
E nada ten lugar.

Ocupan os espazos dos corpos dos poetas
Os días de partir.
E nótanse nos ollos as dúbidas, a morte
Que ao lonxe se espreguiza,
As lápidas de chuvia ao pé das torres
Caídas como anxos ás portas que dan sombra
De emoción,
Os séculos que foron respirar,
As nubes que turbadas de azul μελαγχολία
Xa verten sobre os viños unha chave
E abren as cancelas do tráxico, o terrible,
Do fume que deriva en voo de corvos brancos,
Sepulcros e cipreses.

E nós aquí reunidos
Ceando nesta mesa
O pan da nosa culpa,
O queixo da aflición,
Mazás dalgunha ofensa,
Os figos dalgún crime.

Mais nada que nos poida alimentar.

Peccato contro Dio, contro gli uomini;
Peccato in pensieri, in opere, in parole;
Peccato di superbia, di gola, di avarizia.

Pecado de estar vivos, de seguir
Turrando deste carro descomposto,
Desta máquina ferida nos artellos,
Deste estraño animal.

Oh santa noite excelsa,
Nai da lúa arrebatada,
É certo que non volve a mocidade?

myWPEdit Image

Advertisements