África

Naquel tempo adormecía
Polas tardes polo río
Escoitando algo de Mahler
E deixándome levar por un soño repetetido:
Vellas prazas e distantes.

Era un peso que portaba,
Vella pedra do misterio,
Vella pedra que eu herdei
Como un cólico dos vellos que morreran,
Chaga escura dunha dor aterecida
Polos séculos dos séculos.

E uns lixeiros arrebatos e trastornos
De horas baixas, esvaídas,
Do calibre dunha tarde a descansar,
Que deixaran un estigma na mirada,
Unha úlcera da alma,
Que vertía polas páxinas confusas.

Tiña a sombra dunha árbore por casa
E, nos restos dunhas torres inspiradas,
Erguidas no xardín canda a última bandeira,
As tellas consumidas dun pazo derrubado.

As noites en que a lúa brillaba na distancia
O espectro aparecía dun vello cisne branco.

Era todo tan revolto,
Tanto lume pola néboa,
Tan escuro e dubidoso,
Que nas sombras das sopranos
E nos brillos dos tenores
Viñan aves que fuxían
Da calor de África.

Adeus, ponte do río,
Mazás do pomariño,
Hortensias oxidadas.

Adeus, paxaros vellos,
Retallos da memoria.

Ola África, lugar
Dos tambores e a tristeza,
Como un bimbio que torcese
No xardín de Gustav Mahler.

myWPEdit Image

Advertisements