Do fracaso

Moitas noites acendía
A lanterna do fracaso.

Eran aves moi escuras
Da conciencia e da paisaxe,
Como un vómito de ás achegándose de vez,
Un pano con estrelas e feridas.

Non doían. Tan distantes. Semellaban
Unha ponte destruída,
Un valado con buracos.

Un efecto da linguaxe.

IMG_2864.JPG

Advertisements

Mar do Norte

Fumegaban os tellados cando entrei en Edimburgo.
Néboas viñan desde o escuro
Mar do Norte.
Obrigáronme a deixar nas aforas o cabalo.
Era outubro. Anoitecía sen piedade.
Longa noite por adiante. Moi escasa a luz do sol.
Meu amor tiña fechadas as xanelas do seu cuarto.
Procurei unha taberna. A cervexa estaba fría.
Foi pasada a medianoite cando o sono me venceu.

IMG_2860.JPG