O pescador

Ese home que pasou cunha cana de pescar
E que ollaba para o río como un vidro desolado
Resúltame tan próximo, non sei, desta familia,
Que non souben se ir dicirlle como anda meu amigo.

E el olloume enteiramente,
Por completo,
Desde o fondo da memoria.
Como ollan os que verten o gas verde do silencio
Sobre o mar do esquecemento.

Sería cousa de paralo, con estima, educación,
E pedirlle que dixese por que ano circulamos.

Acaso el ande a camiñar pola beira deste río en mil novecentos e tal
E eu estea aquí sentado un século despois.

Acaso el sexa un meu parente antepasado
E eu lle lembre a si mesmo cando novo.

E, igual que el me recorda os recordos dos avós que lembraba a miña nai,
Eu resulte para el unha cruel premonición:
A certeza de que só a mudanza perdura.

Ese home que pasou
Era eu hai moitos anos.

IMG_2765.JPG

Advertisements