A Pepe Mayoralas, mestre, con motivo da súa xubilación

myWPEdit Image

Que pouco dura todo.
Que rápido se foi.
Andábamos aquí hai máis de trinta anos
A lermos Marcel Proust
E, mesmo sen querer, pasaron os decenios xunto a casa de Swan,
Levando na súa sombra de cisnes e de signos
O enigma da derrota das augas.

E nós, entre conversas que o tempo esparexía ingrávidas de fume,
Vertíamos o mundo con catro referencias,
Falábamos de Freud e de Lacan,
E mantíñamos un duelo contra o sol,
Le soleil noir de la mélancolie.

Que pouco dura todo, meu amigo.
Por lento que pareza,
Por moito que un perciba o preguiceiro
Camiño das xornadas
E a fatiga dos menceres,
O tempo segue adiante co seu carro,
Feirante de retallos da existencia,
E saca de baralla
E pídenos botarlle algunha brisca.
O tempo, co seu carro de moinante feliz.
O tempo, coa carreta dos espolios.

E nós, sen dármonos nin conta,
Botámoslle unha man,
Contra o tempo, o carreteiro,
O feirante e o moinante,
Sabendo de antemán que está perdida.
Sabendo finalmente que a existencia
Non é máis que un xogo de azar.

Que curto se me fixo.
Que lóstrego vivir.

Que o devalo dos planetas e dos astros
Dite un rumbo de fortuna para ti
E que teñas vida longa e vida grata
E que vello aínda ilumines
O misterio das cousas,
Hereux qui, comme Ulysse, a fait un beau voyage.

Advertisements