Sol Negro

 

Unha viaxe até o inferno de Auschwitz da man dun poema de Gérard de Nerval.

Advertisements

A Pepe Mayoralas, mestre, con motivo da súa xubilación

myWPEdit Image

Que pouco dura todo.
Que rápido se foi.
Andábamos aquí hai máis de trinta anos
A lermos Marcel Proust
E, mesmo sen querer, pasaron os decenios xunto a casa de Swan,
Levando na súa sombra de cisnes e de signos
O enigma da derrota das augas.

E nós, entre conversas que o tempo esparexía ingrávidas de fume,
Vertíamos o mundo con catro referencias,
Falábamos de Freud e de Lacan,
E mantíñamos un duelo contra o sol,
Le soleil noir de la mélancolie.

Que pouco dura todo, meu amigo.
Por lento que pareza,
Por moito que un perciba o preguiceiro
Camiño das xornadas
E a fatiga dos menceres,
O tempo segue adiante co seu carro,
Feirante de retallos da existencia,
E saca de baralla
E pídenos botarlle algunha brisca.
O tempo, co seu carro de moinante feliz.
O tempo, coa carreta dos espolios.

E nós, sen dármonos nin conta,
Botámoslle unha man,
Contra o tempo, o carreteiro,
O feirante e o moinante,
Sabendo de antemán que está perdida.
Sabendo finalmente que a existencia
Non é máis que un xogo de azar.

Que curto se me fixo.
Que lóstrego vivir.

Que o devalo dos planetas e dos astros
Dite un rumbo de fortuna para ti
E que teñas vida longa e vida grata
E que vello aínda ilumines
O misterio das cousas,
Hereux qui, comme Ulysse, a fait un beau voyage.

Xosé María Díaz Castro: da noite do mundo ao berro das pedras

fotodiazcastro20

Nimbos representa a transición, dentro da tradición literaria galega moderna, desde o existencialismo ao realismo social e ambos os dous movementos, ambas as dúas tendencias, están (xa e aínda) presentes no seu discurso, mantendo unha loita intestina irrefrenable, que se manifesta na presenza de pezas que semellan non ter nada entre si, decantadas unhas para unha banda e outras para a outra, mesmo como se formasen parte de proxectos poéticos diferentes. Un existencialismo de temática cristiá mais non por iso menos nihilista, cun deus ao fondo que espreita para os humanos impasible, e que nos sitúa como proxectados sobre un mundo frío e distante, libres e, ao mesmo tempo, responsables. Será esta mesma responsabilidade a que dea en converterse en ‘engagement’, en compromiso, en tanto que única saída que nos pode librar da angustia da nosa culpabilidade por permitirmos o mundo tal cal é, cos seus horrores e as súas inxustizas, unha vez o home fica desamparado, perdida para sempre a tutela de Deus, e convertido, por tanto, en Deus de si mesmo.

Ler artigo completo: XOSÉ MARÍA DÍAZ CASTRO-DA NOITE DO MUNDO AO BERRO DAS PEDRAS

Máis artigos sobre Díaz Castro: Un paso adiante e outro atrás

Sobre a Penélope de Álvaro Cunqueiro

Kacper-Kalinovski-2.jpg

Se días atrás publicabamos nestas páxinas un comentario sobre a Penélope de Xosé María Díaz Castro, hoxe queremos dar conta do diálogo poético que se establece con estoutro poema de Álvaro Cunqueiro que hoxe glosamos.

 

‘O retorno de Ulises’ de Álvaro Cunqueiro foi publicado dentro de Herba aquí ou acolá en 1980, no segundo volume da súa obra completa.

O RETORNO DE ULISES

Pende en que pende Penélope pensativa
perde novelo nove novamente canto.
Este rosto que ás augas envexando
como sorri tecendo cando o vento:
ás augas como sorrí envexa que tecendo
ese rosto en que pende que amañeza.
Cando o vento o novelo novelovento leva,
–os longos dedos que nasceron frautas
na boca de Ulises, cando namorado.
Digo que os longos dedos non resisten
os pós do vento que nas oliveiras,
os longos dedos que solprendidos dicen
novelovento, novelo nove pido,
o meu corazón tecendo mar e soño
baixo esa ponte de ignorados ríos.
¡Ouh Venus!, ¿ónde camiña o fío revoando
que as miñas brancas pernas amorosas, ónde os muiños, onde o vento xira,
canles por onde o vento pasa, pisa?
Dígoche Venus por cómaros, valados,
rocas, camiños, pontes, asubíos,
ese fío é un rosto que sorrí tecido:
lembrandome agora estóu que no novelo
nove os beizos cando se pregan falan.
¿Soiamente dicen que cándo ven a sede
polas celestes pontes desas illas?

O personaxe de Ulises xa fora tratado polo autor na súa novela Las mocedades de Ulises. Cunqueiro preséntanos, por medio dunha coidada ambigüidade enunciativa, un discurso que, unhas veces, é o de Penélope e, outras, o dun narrador fóra das coordenadas espaciais e temporais da mítica muller.

Continuar lendo: Sobre a Penélope de Cunqueiro