Outra canción do Miño

myWPEdit Image

Os humanos poderán cruzarme polas pontes,
Navegar as miñas augas,
Camiñar pola ribeira.
Mesmo algúns atreveranse a entregarme a súa existencia
Afogándose en min.
Mais eu, río devalante na épica da foz,
Ou regato torrencial alá pola nacente,
Ou lentísimo vagar no centro do meu curso,
Hei seguir esta viaxe sen deter o meu camiño
Mentres haxa chuvia e sol, vento e terra.
Ese foi o meu afán polos séculos dos séculos.
E non teño outro destino.

Os humanos poderán afondar no seu misterio,
Descubrir que no silencio, onde todo xa foi dito,
Hai un pouco do rumor do meu corpo contra a herba
E do reflexo do sol sobre as augas,
Debuxar na miña pel garabatos de nadar
Ou ficaren abraiados a mirame pola noite.
Mais eu, puro acontecer, simple tránsito e ocaso,
Hei durar até que o mundo se disolva como un plástico
E rebenten as burbullas que hai no alento do universo.

Advertisements