Novas aventuras do Capitán Melancolía

myWPEdit Image

E foi que na batalla oímos na distancia
A voz do Capitán Melancolía.
Cara adiante, proclamaba.
Cara ao centro máis azul do neboeiro.
E un cento de soldados seguíamolo fieis
No medio dun rebumbio de canóns.

Ficamos derrotados. Moitos mortos ou feridos,
Esparexidos polos campos a laiarnos,
E fomos prisioneiros, condenados.
Finalmente desterrados do país.

O día en que chegamos de regreso
A voz do capitán fíxose oír.
Cara adiante, reclamaba.
Cara ao centro máis azul do neboeiro.

Ben sabíamos que aquel era o grito do desastre,
A orde que calquera maliciaba,
O encargo do fracaso e do naufraxio.

Mais agora a brétema ocupaba
Os barrios populares da cidade.
Alí onde deixáramos a casa.

Advertisements