Sobre a Penélope de Xosé María Díaz Castro

PenelopeSuitorWaterhouse

 

 

En 1961, xusto un ano antes de que Celso Emilio publicase o seu ‘Monólogo do vello traballador’ dentro do poemario Longa noite de pedra, Xosé María Díaz Castro publicaba un libro fundamental na tradición lírica contemporánea: Nimbos. Dentro dese libro encóntrase un dos seus poemas máis reverenciados: ‘Penélope’.

PENÉLOPE

Un paso adiante i outro atrás, Galiza,
i a tea dos teus soños non se move.
A espranza nos teus ollos se esperguiza.
Aran os bois e chove.

Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mol coma unha uva.
Pro ti envólveste en sabas de mil anos,
i en soños volves a escoitar a chuva.

Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, Xesús María!,
e toda cousa ha de pagar seu desmo.

Desorballando os prados coma sono,
o tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o outono.
Un paso adiante i outro atrás, Galiza!

As dificultades polas que entón pasaba a industria cultural galega fixeron que o poemario fose publicado con certo retraso, de maneira que a data de 1961 é unicamente indicativa e, con certa seguridade, podemos sinalar que os poemas que integran este Nimbos foron escritos durante a década precedente e mesmo a anterior, de xeito que o libro é, en realidade, unha mostra das inquedanzas máis íntimas do seu autor ao longo desas décadas de oprobio e ignominia franquista. Non estamos, por tanto, como no caso de Celso Emilio Ferreiro diante dun poema do realismo social senón que, antes ben, trátase dun poema que concita case todas as peculiaridades do que poderíamos denominar literatura existencialista, unha marca, asociada a determinados temas e motivos, que percorreu a literatura europea de posguerra e acadou tamén exemplos de interese na nosa propia tradición literaria, e na que xa se perciben, por veces, como é o caso, as marcas ideolóxicas que conducen á nova época que se ha iniciar xa comezada a década dos sesenta.

 

Ler o resto do artigo: Un paso adiante e outro atrás

 

Advertisements