Capítulo I

myWPEdit Image

Nestas páxinas que verte a memoria na conciencia
Como verten as tormentas moitos ríos que xa foron
E que han de regresar
Hai por veces materiais de palacios que caeron
E de torres que unha tarde derrubaron a súa altura,
Muros fortes que noutrora opuxeron o vigor
Contra exércitos escuros,
Baluartes que o destino tornou cinza e refugallo.

Son os restos de esplendores o que fai brillar o sol,
Os anacos de cristal (ou de espellos e xanelas)
Os que emiten un reflexo delicado,
Os que fulxen como un eco.
Son fragmentos dunha idade sen presente,
Dunha época perdida nun estraño país
(o país que nos roubaron e que agora
se esparexe como un soño,
ese mesmo do que ás veces volven músicas estrañas,
o país no que prendeu a nosa flor
e a semente que alguén dixo de estragar).

Nestas páxinas emerxe aínda a sombra desa terra.
Podes vela nos seus versos.
Podes mesmo acariñar o que resta do seu voo,
O vaivén que as aguias deitan sobre os campos,
O percurso dos seus vellos carromatos polas feiras.
Tamén podes afinar a ollada e contemplar
O regreso da andoriña,
Como os líquidos que prenden no clamor das vellas pedras
Falan linguas consumidas,
Erguen mármores brillantes de palacios que noutrora
Propuxeron limpas regras e asinaron os seus pactos.

(Levo areas dunha praia nunha caixa de cristal.
Basta abrila pra sentir o arrecendo que esparexe
E o misterio que do aroma se desprende).

Algo así tamén pasaba nestas páxinas escuras
Polo tempo en que tiveron harmonía
E souberon procurarse un asomo de atención.
Era abrilas e chegar até o fondo da conciencia
A memoria do que foi.

Con que deses cos teus ollos sobre a liña dunha letra
Fortes ventos remexían nas ruínas do pasado
E chegaban como barcos desde illas moi distantes
Prodixiosas incursións,
Naves bárbaras inzadas de solemnes manuscritos,
Con orquestras delirantes a rolar sobre a cuberta,
Afinando os instrumentos da saudade.

Con que fose a túa mirada a bater nunha palabra
Xa de vez o teu amor polo incerto país
Carretaba no silencio vellas crónicas de gloria.

Con que fosen os teus labres percorrendo cada sílaba
Unha onda sixilosa abatía no areal
Dos antigos naufraxios
E era certo que volveran os feroces capitáns,
Os terribles sarxentos,
Os tenentes que arrincaran dos imperios
Unha illa imposible.
E todo finalmente conducía
Para un pórtico aberto
Onde estaban as albas.

Nestas páxinas perdura todo iso que xa morre.
As olladas inocentes dos meus pais cando casaron,
Eses rostros que traspasan a cor gris do fotograma
E procuran un porvir que xa non viron,
Ese algo dentro deles que camiña ás apalpadas
E se orienta polos séculos,
Esa luz que desde o centro das meniñas dos ollos
Parece estar alegre, confiada
En que os barcos chegarían
Carretando novas páxinas.

Ou as sombras que amañecen polo fondo
Percorrendo unha tristeza
Que ningún dos dous sabía
Mais que sinto agora eu.

Nestas páxinas existe aínda un faro xunto á costa
Debuxando cos seus raios o horizonte,
Rabuñando a escuridade como un gato,
Proxectando no silencio unha música de luz,
Melodía de lanternas e de fachos.

Nestas páxinas galopa un cabalo na Cañiza
Cando eu tiña catro anos
E era un tal señor Constante quen me andaba a pasear
Nas alturas do cuadrúpedo.
Nunca souben o motivo de que fose entre as lembranzas
Máis antigas a que máis
Se repite na memoria.
Como esoutra recorrente, reiterada,
Cos meus pais a camiñar
(miña nai inda tan nova)
un domingo pola tarde.

Todo dorme nestas páxinas.

Con que abras ben os ollos poderás examinar
O teu rumbo polos días que vivín,
A túa man seguindo as liñas
Como partes dun debuxo,
Os teus dedos procurando un relevo no papel,
Algún mínimo sinal que ficase da impresión
Como proba de que o texto foi escrito,
Foi produto da vontade e mais do esforzo.
Houbo alguén a devecer
Por deixar que estas palabras lle caesen do silencio,
En gardar estes vocábulos absurdos
Como cólicos dun tempo que murchou,
En facerlles unha foto esparexidos sobre a terra,
En pintarlles sobre o rostro algunha lágrima,
En dar conta do seu caso e da súa morte.

Tamén foi por ese tempo
Cando o corpo inda vencía
Nas batallas contra a idade,
Que chegaron os amores como aves sonámbulas,
Os amores revoando como espectros,
A pousar nas miñas pálpebras o eco dun soño,
A gardar na miña boca un sabor de boca allea,
A deitar na miña pel o galano doutro tacto.

Tamén foi por ese tempo
Cando o tempo inda podía regalarse como un vidro,
Unha froita ou un anel.

Con que deixes evadir o arreguizo que che proe pola memoria
E repares nos seus días celestes
E acredites que era exceso de saúde, de vigor,
Tamén ti verás xurdir unha efixie luminosa
E aquel corpo de muller a cumprir dezaoito anos,
Agasallo do misterio,
Un camiño de infinito que se abría,
Un carreiro cara á luz que foi ficando en sombra.
Porque a luz esixe sombra.

Nestas páxinas existen leves ventos que sopraban
Como sopran sobre as velas dos navíos lentas brisas
E arrincábannos da costa cara ao fondo.
Nós, que andábamos daquela no negocio de exportar
O arrecendo das flores nunha caixa de cristal.
Nós, que fomos nese tempo mercaderes de perfume
E facíamos colonia no alambique da noite.
Nós, que entrábamos no templo salferindo aquel aroma
E embriagamos moitas tardes multitudes peregrinas.
Nós, que déramos coa esencia da beleza
Nunhas pingas destiladas da flor da laranxeira.

Tamén foi por ese tempo
Cando o inverno procedía
E era cedo para abril
Que empregamos o serán durante meses
En aprendermos a voar por entre nubes.

Nós que andábamos espidos, abrazados ao silencio,
Derrotados pola beira dos camiños,
Mesmo bébedos de sombra,
A escoitar como o ditado destas liñas nos chegaba
Desde un pródigo alén.
Nós, que fomos nese tempo unha orixe e un final
E levábamos ramiños de misterios e xasmíns
Prendidos nas lapelas da chaqueta.
Nós, que fomos como deuses porque tíñamos a luz
E o mencer da mocidade.

Algo así tamén pasaba nestas páxinas escuras
Polo tempo en que tiveron máis tristeza
E souberon procurarse un asomo de atención.

Con que oíses o tambor e seguises o seu ritmo
Deseguida escoitarías como o canto do ouriol
Tiña o voo doutras idades
E o misterio do seu chío polos séculos dos séculos.

Con que foses a seguir o seu ritmo polos ramos
E sentises a cadencia da súa danza constelada
O ronsel do seu camiño difundido pola brisa
Xa terías a razón, a resposta da pregunta,
Ese grito que se afoga no silencio.

Con que deses a metade da metade da facenda
O teu rumbo perdería o sentido da derrota
E unha páxina erguerías sobre o mastro das bandeiras
Como enseña da túa hora,
Como emblema do teu soño.

Ti, que outrora carretabas os bidóns de escuro lixo
E volvías para casa no mencer impregnado de ferruxe.
Ti, que en tempos abrazaches aquel busto de andoriña
E xuraras serlle fiel a un espectro de misterio.
Ti, que acaso xa ignorabas que pertences ao devir
Que goberna cada cousa
E con lápis de mil cores vai pintando o devalar,
O polícromo carreiro dos teus días.
Ti, tamén, que te achegabas para ver pasar o inverno
E acendías na lareira un incendio controlado.

Nestas páxinas tamén vai o día en que ingresei
Temeroso na milicia e fun deito prisioneiro
Polo exército inimigo, e perdín case dous anos
E gañei a disciplina, a vontade que non tiña,
E fun feito prisioneiro polo exército da sombra
E chorei melancolía.

Algo así tamén pasaba nestas páxinas escuras
Polo tempo en que tiveron harmonía
E souberon procurarse un asomo de atención.

Nestas páxinas as voces dos meus fillos
E a celeste gargallada,
O sorriso que traían desde o fondo constelado,
Auga limpa das estrelas,
O rumor que se esparexe entre anos de luz
Nalgún punto primixenio.

Nestas páxinas, por fin, o meu curso de fracaso,
A derrota do meu rumbo,
O devalo do meu pulo.

Mais agora cae a noite.
Todo venza o voo do tempo.
Todo borren os torrentes.
Pouco fique destas páxinas.
Quen escriba a súa memoria sentirá como un afán
Por dar conta do seu eco
E tecer os novos lances da súa lenda,
Por abrir contra o solpor ese espello regalado,
Reverter o raio cego para o fondo do universo.

Serán luces contra luces
Que se afastan e regresan.
Un espello que repite o reflexo doutro espello
Que repite ese reflexo que repite ese reflexo…

Advertisements