Presenza

myWPEdit Image

Leva o día para o fondo con lentísimo vagar
O seu carro de substancias,
O remolque enferruxado da xornada,
Os seus buques oxidados.

E carreta entre os enseres e trebellos
Moitas páxinas roídas,
As materias que deixei levedando no misterio,
A pousar na luz da sombra unha fatiga
Do percurso polos ámbitos da tarde.

E no pó que esparexeron no papel
Os meus días consumidos,
Este arcano saber de nada e pra ninguén,
Vai o día co seu lombo xa retorto,
Acariñando pouco e pouco o neboeiro,
A tecer polos espazos a madeixa desa hora,
Certamente encrucillada.

Paro un algo a contemplar o invisible que hai na tarde
E mal vexo unha distancia.
Mais admito esa presenza
Do que hai nada estaba aquí,
Pouco antes de caer, claridades espectrais,
Polos pozos da memoria,
Polos campos de exterminio que hai alén do esquecemento.

Advertisements