Poema sen fin

myWPEdit Image

Despois de varios días na espera do poema,
Chegaban frases soltas, palabras intranquilas,
Sentencias que debía acaso ponderar,
Vertelas nalgún molde, igual que unha fariña,
Deixar que fermentasen, levalas a coción,
Mais nada que puidese sentir como alimento,
O cólico nutricio da voz sobre o cerebro,
O pulo arrebatado da noite da linguaxe.

Farteime de esperar. Silente cazador
Nas fragas da conciencia, velei porque chegase,
Propúxunme escoitalo pasando para o lonxe.

Na luz da madrugada fiquei adurmiñado,
Sen forzas pra seguir.
E foi cando sentín o trote moi lixeiro
Verter por entre a néboa, escuro como un cervo.

E alí se erguía agora, brutal, maxestuoso.
Solemne como o frío, insomne como a alba.
E foi desta maneira que a voz se esparexeu:
Despois de varios días na espera do poema…

Advertisements