Necios (ou pecios)

myWPEdit Image

Non somos máis que barcos levados á deriva,
Navíos que perderon viaxeiros transeúntes,
Sinistros paquebotes lanzados contra as rochas,
Cargueiros que se vencen e dan en afundir.

É certo que pairamos no medio das correntes,
Que, ás veces, emerxemos dalgunha onda adusta,
Que, en días de quietude, logramos navegar,
Chegar a unha distancia, cumprir a travesía.

Mais sempre vai erguida a enseña do fracaso,
Bandeira do estropicio, o emblema da ruína.
E, a nada que se afirmen os ventos da tormenta,
Inermes, desprazamos o casco para o fondo.

É lei que o abismo sexa a nosa patria clara.
Non outra merecemos. Non outra desexamos.
Naufraxio e desamparo son todo o patrimonio
Que afunde canda nós, zozobra á nosa beira.

Advertisements