Pozo

myWPEdit Image

Contoume que de neno caera no interior
Dun vello pozo seco. Pasara varias horas
Berrando sen que alguén
Oíse a súa chamada de socorro.
E foi que finalmente o pai logrou libralo
Con cordas e poleas, e axuda dos veciños.
De novo sobre a terra, fuxido daquel voo no precipicio,
Lembraba os sons que oíra, ruídos que chegaban
Do mundo superior, un disco de luz viva aberto alá no alto.

Contoumo na terapia. No círculo de alcólicos
Dispostos a deixarmos a bebida
A tarde en que a muller tentara suicidarse.

Contoumo non sei como. Tampouco para que.
Mais creo que quería buscar a claridade.
Volver ollar de novo no alto o ceo azul
E algunhas nubes brancas.

Advertisements